FILOSOFÍA

  • Apoiando a persoas en situación de dependencia

+PORVIR  a empresa de economía social da Costa da Morte

No verán de 2013 constituíuse +PORVIR Xestión Social, unha empresa de carácter social que ofrece ás persoas en situación de dependencia das comarcas da Costa da Morte uns servizos de atención especializada cos que contribuír na mellora da súa situación sociosanitaria.

A Asociación INTEGRO para a diversidade funcional das comarcas de Bergantiños,Terra de Soneira e Fisterra é a socia fundadora de +PORVIR e nela quere reflectir os valores que sempre acompañaron a INTEGRO en relación coa inclusión social das persoas con necesidades específicas. De aí que +PORVIR tamén siga os principios do traballo sen ánimo de lucro de INTEGRO e, como primeiro paso para o traballo pola economía social, constitúese como centro especial de emprego en abril de 2014, con esta acción, ademais de proporcionar servizos a persoas en situación de dependencia, tamén promove a inclusión laboral das persoas con diversidade funcional.

Os servizos que ofrece +PORVIR son información e asesoramento, fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia e asistencia persoal entre outros e, dende agosto de 2014, ten autorizado o servizo de axuda no fogar pola Xunta de Galicia.

A súa oferta continúa na atención a comunidade, tamén se dedica a xestión de centros e residencias de atención a persoas en situación de dependencia, mantemento e limpeza de comunidades e servizo de limpeza, sinalización viaria e xardinería.

Ofertan unha atención especializada baseada na formación dos profesionais e na capacidade de adaptación ás demandas das persoas, de aí que +PORVIR estea destinada a ofrecer o servizo de calidade que a Costa da Morte precisa na atención ás persoas.

A andaina de +PORVIR acaba de empezar (con 4 traballadores con discapacidades) e xa está pensando na súa expansión máis alá da Costa da Morte sempre coas máis altas premisas de calidade no servizo como elemento de distinción.